- Editorial:
- LIBROS DE SALDO
- Año de edición:
- 1996
- ISBN:
- 978-84-8302-068-5
- Páginas:
- 296
- Encuadernación:
- BOLSILLO
- Colección:
- EDICIÓN LITERARIA
A VELOCIDADE DO FRÍO
GARCÍA SEIXAS, MANUEL / SEIXAS, MANUEL
A velocidade do frío é unha novela feita sen contemplacións, que pode tanto resultarlle aborrecible ó lector nunha primeira aproximación como doada e comprensible, pero dificilmente, en ningún dos casos, vai provocar indiferencia, porque as súas voces, as voces que se van facendo cargo do relato ó longo das 296 páxinas, sexan as dos protagonistas principais en forma de monólogo interior, ou sexa a do narrador en terceira persoa omnisciente -na segunda parte da novela- resoan todas, como di o propio Seixas, dende un recanto interior, autente, visceral e, dende logo, nada frío.
Esta novela foi escrita sen filtros formais, de xeito que o seu autor aborda unha historia singular, especialmente orixinal, sen preocuparse de cometer excesos nas recorrencias expresivas, procurando o cerne das accións e reflexións dos seus personaxes mesmo a expensas de calquera estilo previsible ou supostamente correcto e decoroso. Aquí vaise ó directo sen miramentos. Aquí nárrase unha historia, que impregna a mente do lector con imaxes ben definidas, aínda que, por suposto, abertas á recreación personalizada.
En A velocidade do frío hai moito instinto criminal e polo tanto moita culpa, porque, de partida, os seres humanos viven na frustración, atrapados polas turbias consecuencias do seu baleiro interior e dos seus impulsos irracionais. Os únicos que non sofren por darlle satisfacción ó seu instinto asasino -maquinal- son o coches, que aparecen nesta novela como seres malignos dotados dunha vontade allea a toda moral. Pero quizais os coches, inimigos dos seres humanos, non sexan outra cousa que a expresión dun estilo de vida baseado no consumo, na supervivencia individual egoísta e insolidaria, na crúa oposición de intereses materiais, no culto ás aparencias e na falta total de sentimentos.